20241105_RCCELTAvsGETAFE_ExpressAdri-16
Primeiro Equipo

Unha vitoria dedicada a todos os afectados pola DANA | RC Celta 1 – 0 Getafe CF

RC Celta

A xornada 12 de LALIGA EA SPORTS estivo marcada polo apoio do fútbol español a todos os afectados polo desastre que o paso da DANA provocou no noso país. O encontro arrincaba cun emotivo minuto de silencio en sinal de pesar, mentres que na bancada, podíanse ver numerosos xestos de ánimo e unha pancarta de “Força València“. Un sentir de todo un país conmocionado polo sucedido e que apoia ao pobo valenciano nesta difícil situación que están a atravesar.

Un encontro no que o club rendía homenaxe ao Celta Atletismo pola celebración do seu centenario sendo a atleta olímpica, Alice Finot, a encargada de realizar o saque de honra que marcaría o arranque do partido.

Os celestes volvían á senda da vitoria en casa, sumando outros tres puntos tras impoñerse ao Getafe nun partido que se resolvía en tan só 10 minutos. Tasos Douvikas cabeceaba ao fondo da rede un agasallo que lle deixaba desde o costado dereito Iago Aspas. Os de Claudio Giráldez foron superiores en gran parte do partido, buscando liñas e cunha barreira defensiva que anulaba calquera intento de ataque do conxunto rival.

A segunda parte do encontro foi unha copia da primeira, cun Celta que tiña o partido baixo control e con continuas arremetidas á portería de Soria. Perdoaron demasiadas ocasións os celestes que finalmente se alzaban coa vitoria tras o tanto temperán do dianteiro grego.

A próxima cita da competición será este domingo, no estadio Benito Villamarín, onde o RC Celta visitará ao Real Betis ás 14:00h.

FICHA TÉCNICA:

1 – RC Celta: Vicente Guaita; Javier Manquillo (Javi Rodríguez, min. 45), Starfelt, Marcos Alonso; Óscar Mingueza, Fran Beltrán (Ilaix Moriba, min. 74), Hugo Sotelo, Mihailo Ristić (Hugo Álvarez, min. 66); Iago Aspas, Tasos Douvikas (Borja Iglesias, min. 66) e Jonathan Bamba (Tadeo Allende, min. 87).

0 – Getafe CF: Soria; Nyom, Djené (Berrocal, min. 30), Alderete, Rico; Carles Pérez, Aberdin (Álvaro Rodríguez, min. 30), Arambarri, Milla, Sola (Peter, min. 60) e Uche (Juan, min. 69).

Gol: 1-0 Tasos Douvikas, min. 6.

Árbitro: Gil Manzano (Comité de Estremadura). Por parte do RC Celta, amoestou con tarxeta amarela a Tasos Douvikas. Por parte do Getafe, viron cartón amarelo Aberdin e Alderete, mentres que Berrocal foi expulsado por acumulación de tarxetas.

Incidencias: Encontro correspondente á Xornada 12 de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio de Abanca Balaídos ante 19.502 persoas.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas