ceuta
Celta Fortuna

Este filial xa non pide permiso | AD Ceuta 0 – 2 Celta Fortuna

RC Celta

O Celta Fortuna xa sabe o que é gañar fóra de casa en Segunda. E fíxoo conseguindo algo máis importante que tres puntos no Alfonso Murube. Fíxoo deixando a sensación de que este equipo está preparado para competir e gozar nesta categoría.

Desde o primeiro minuto, o filial celeste quixo ser protagonista. Sen complexos, adiantando liñas, movendo o balón con criterio e levando o partido ao campo do Ceuta. O conxunto de Fredi Álvarez atopou espazos, gañou duelos e converteu o seu talento en ocasións ata que Adrià Capdevila puxo o premio a un excelente primeiro tempo.

Despois tocou sufrir. O Ceuta apertou, cargou a área e obrigou ao Fortuna a defender con carácter. Tamén aí creceu o equipo. Resistiu, sostívose e esperou o seu momento ata que Bermard Somuah, xa no desconto, puxo a firma a unha vitoria moi traballada e ilusionante.

E entre as moitas boas noticias apareceu Mateo Sobral e fíxoo no once titular. Un xuvenil na sala de máquinas, debutando na categoría de prata e demostrando que o talento Feito na Madroa ten moito futuro por diante.

Sete puntos de doce. Unha primeira vitoria a domicilio. E, sobre todo, un equipo que empeza a crer no que pode facer. A próxima cita será na casa, en Abanca Balaídos, o luns 14 de setembro ás 20:30h. ante o Eibar.

FICHA TÉCNICA:

0 – AD Ceuta: Pedro López; Petxarroman (Konaré, min. 75), Bodiger (Capa, min. 46), Carlos Hernández, Redru; Meléndez, Joaquín (Okoro, min. 46), Salazar; Cedric Teguía (Matos, min. 58), Jordi Escobar (Sadik, min. 46) e Camacho.

2 – Celta Fortuna: Coke; Quique Ribes, Alexis Olmedo (Pablo Meixús, min. 46), Anxo Rodríguez; Germain Milla (Pablo Gavián, min. 89), Adrià Capdevila, Mateo Sobral (Ndiaye, min. 81), Joel López; Óscar Marcos, Álvaro Marín (Bernard Somuah, min. 64) e Ángel Arcos (Hugo Cuenca, min. 64).

Goles: 0-1, min. 43: Adrià Capdevila. 0-2, min. 93: Bernard Somuah.

Árbitro: Daniel Palencia (Comité Vasco). Por parte do Celta Fortuna, foron amoestados con tarxeta amarela Alexis Olmedo, Quique Ribes, Anxo Rodríguez, Seyni Ndiaye e Hugo Cuenca. Mentres que, por parte dos locais, Capa foi expulsado con vermella directa no minuto 88 e Olmedo e Joaquín viron a amarela.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 4 de LaLiga Hypermotion disputado no Estadio Alfonso Murube ante 4.865 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Celta Fortuna

Noticias recomendadas