O Celta Fortuna non logra concretar as súas oportunidades e deixa escapar tres puntos moi valiosos ante un rival directo en Abanca Balaídos. A pesar da derrota, o conxunto de Fredi Álvarez foi capaz de dominar practicamente na súa totalidade un derbi moi bronco que non estivo exento da polémica.
O filial celeste arrincaba o encontro aprazado ante o CD Lugo da Xornada 21 coa gran novidade de contar novamente nas súas filas con Fer López e Jones El-Abdellaoui. As ganas e a pegada do equipo fixéronse notar desde o minuto un, dominando a posesión e pisando a área rival en numerosas ocasións, pero faltoulle quizais esa faísca final que lles permitise xerar perigo real. As oportunidades máis claras deste primeiro tempo tívoas Gael Alonso cun tiro raso que acababa atrapando Cacharrón; e Jones que poñía en aprietos á zaga albivermella cun disparo que finalmente se ía por encima do traveseiro. Mentres, o Lugo, replegado atrás, evitaba os ataques celestes sen apenas inquietar a portería de Marc Vidal.
O segundo tempo comezou dunha maneira inesperada, tan só uns segundos despois do seu inicio, Jon Cabo adiantaba ao conxunto lucense para sorpresa de practicamente todos os presentes. Un gol inesperado que caeu como un xarro de auga fría no Celta Fortuna que, a pesar de manter o dominio, perdeu momentaneamente a concentración e a desesperación apoderábase do equipo. Unha ansiedade que aumentou a intensidade dun encontro no que os locais trataban de reaccionar pero a falta de precisión nos últimos metros lastraba as súas intencións. Sería no minuto 82 cando o Celta Fortuna atoparía unha greta na zaga lucense desde onde un pase preciso de Manu Fernández sería transformado por Hugo González que, co seu primeiro gol no filial celeste, trataba de dar ás ao equipo para loitar pola remontada nos minutos finais. Con todo, un último golpe do CD Lugo poñía o 1-2 no marcador para dar por pechado o partido e con el as aspiracións celestes.
Agora, toca seguir loitando unidos e coa mente posta xa no próximo partido que será ante o Barakaldo CF este domingo, 23 de marzo, ás 12:00h. no Polideportivo Lasesarre (Vizcaia).
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta Fortuna: Marc Vidal, Gael Alonso (Joel López, min 69), Yoel Lago, Manu Fernández, Jones El-Abdellaoui (Gavián, min 76), Miguel Román, Hugo Burcio (Antañón, min 6), Tincho, Fer López, Jordi Escobar, Angelito Arcos (Hugo González, min 69).
2 – CD Lugo: Cacharrón, Lizancos, J. Rodríguez, Erik, Zoilo (Freire, min 84), Guille Perero (Bryan Mendoza, min 69), Yayo, Dani Vidal (Alberto Vaquero, min 76), Jon Cabo (Marcos Sánchez, min 69), Raúl Hernández (Pedro Pereira, min 76), Nico Reniero.
Goles:0-1, Jon Cabo (min. 46). 1-1, Hugo González (min. 82). 1-2, Juan Rodríguez (min. 86).
Árbitro: Rodríguez Recio. Por parte do Celta Fortuna, Gael Alonso e Manu Fernández foron amoestados con cartón vermello, estando no banco e ao finalizar o encontro, respectivamente. Mentres que do CD Lugo, viron tarxeta amarela Jon Cabo e Reniero.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 21 do Grupo I de Primera Federación versus e-Learning que fora aprazado o pasado 26 de xaneiro debido ao temporal “Herminia”. Este encontro disputouse en Abanca Balaídos ante máis de 2.000 espectadores.