As Celtas pechan a súa primeira tempada ao grande ao conseguir o ascenso directo a Segunda Federación tras vencer por 0-6 ao Villa de Simancas en Valladolid. Desta maneira, as nosas xogadoras escriben unha páxina máis na historia do RC Celta, unha páxina que reflicte o esforzo, sacrificio e dedicación que caracterizou este debut do conxunto celeste.
Desde ese primeiro gol de Camila Pescatore en Abanca Balaídos, o pasado 7 de setembro ante o Victoria CF, ata o seu derradeiro, que pechou a temporada, pasaron 8 meses no que As Celtas creceron, con afouteza, con corazón, coa ambición de camiñar cara a un futuro cheo de ilusión. Un futuro que hoxe, continúa escribíndose e que levará directamente ás nosas a competir nunha nova categoría cargada de novos retos a próxima tempada.
O RC Celta sente profundamente orgulloso das súas xogadoras, non só polo resultado, senón polos valores e a filosofía coa que cada unha delas levou cara adiante este proxecto que nacía hai apenas un ano. Un sentimento que demostraron e pelexaron sobre o terreo de xogo para pechar esta primeira tempada como un auténtico soño no que o mellor aínda está por vir.
Sen dúbida, un éxito que é tamén de todo o celtismo que desde o minuto uno levastedes polo aire a As Celtas e apoiástelas xornada tras xornada, tanto na Madroa como en Abanca Balaídos, as nosas nunca camiñaron soas. É por iso, que este logro hai que celebralo como se merece e da mellor maneira, junt@s. O RC Celta convida a todo o celtismo a unirse á gran celebración que terá lugar mañá, luns 5 de maio ás 19:30 horas, en Porta do Sol onde estarán presentes as xogadoras e o staff técnico. Será unha festa inesquecible que poñerá a guinda perfecta a este primeiro gran ano de As Celtas.
Moitos parabéns, guerreiras!