IMG_20260113_010406_317
Novas primeiro equipo

O Celta coroa a primeira volta conquistando Nervión | Sevilla FC 0-1 Celta

RC Celta

O Celta levou os tres puntos no Ramón Sánchez-Pizjuán tras impoñerse por 0-1 ao Sevilla FC desde os 11 metros. Grazas a un penalti transformado por Marcos Alonso nos minutos finais, os celestes lograron un triunfo de moito peso que lles permite pechar a primeira volta asentados na zona alta da clasificación.

A primeira parte estivo marcada pola intensidade e o intercambio de golpes. O Celta, cómodo e seguro lonxe de Balaídos grazas ao seu bo rendemento fóra de casa, enfrontouse a un rival con propósitos distintos, impulsado pola necesidade, pero con igual determinación sobre o céspede. Durante os 45 minutos iniciais houbo ritmo, duelos constantes e ocasións en ambas áreas, pero faltou precisión nos metros finais. As ocasións non chegaron a concretarse e o descanso chegou co marcador intacto, deixando a sensación de que o encontro estaba completamente aberto.

Tras o descanso, o Sevilla dominaba na posesión, pero o Celta lembraba que o fútbol non se mide en estatísticas, con chegadas máis perigosas e contraataques que convertían cada espazo nunha ameaza real. O porteiro celeste apenas tivo traballo, mentres que o gardameta local tivo que intervir con acerto ante varios intentos de Williot Swedberg e un man a man de Ilaix Moriba que case abre o marcador. Poucos minutos despois, e lonxe de lamentarse por aquela ocasión, Ilaix volveu aparecer en escena e redimiuse cun penalti que Marcos Alonso acabaría por converter no 0-1 definitivo.

O Celta pecha así unha notable primeira volta, con 29 puntos que o afianzan na sétima posición, e pon a mirada no seu próximo compromiso, que terá lugar o domingo 18 de xaneiro ás 18:30 horas. Os de Claudio Giráldez volverán abrir as portas do templo celeste para recibir ao Rayo Vallecano, coa intención de prolongar a súa racha de cinco xornadas sen perder e manter viva a ilusión europea.

FICHA TÉCNICA:

0 – ⁠Sevilla FC: Odysseas, Juanlu (Miguel Sierra, min. 83), Carmona, Gudelj, Kike Salas (Nianzou, min. 82), Oso, Agoumé, Mendy, Sow, Peque (Vargas, minuto 59 (Januzaj, min. 67) e Isaac (Alexis, min. 59).

  1. 1 – Celta: Radu, Rodríguez, Starfelt, Marcos Alonso, Miguel Román, Ilaix Moriba, El-Abdellaoui (Rueda, min. 67), Mingueza (Carreira, min. 90+1), Bryan Zaragoza (Hugo Álvarez, min. 67), Iago Aspas (Swedberg, min. 58) e Borja Iglesias (Pablo Durán, min. 58).

Goles: 0-1, min. 88: Marcos Alonso (p).

Árbitro: José María Sánchez Martínez (colexio murciano). Amosou tarxetas amarelas a Ilaix Moriba, Óscar Mingueza e Hugo Álvarez, por parte dos visitantes; e a Juanlu e Mendy, por parte dos locais. Fóra do campo viron tarxeta o adestrador celeste, Claudio Giráldez, e Alberto Flores.

Incidencias: Partido da décimo novena xornada da LALIGA EA SPORTS disputado no estadio Ramón Sánchez-Pizjuán ante 31.383 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas