fer
Primeiro Equipo

O Celta planta cara ao líder pero non logra puntuar no Camp Nou (1-0)

RC Celta

O Celta competiu con personalidade e ambición na súa visita ao FC Barcelona no Spotify Camp Nou, nun duelo de máxima esixencia que se terminou decidindo por detalles e no que os celestes ofreceron unha versión recoñecible a pesar de marcharse sen premio.

O conxunto de Claudio Giráldez asinou un arranque de gran nivel, cunha primeira media hora na que combinou orde defensiva, presión coordinada e capacidade para soster posesións longas ante o líder da competición. Con sete futbolistas con pasado recente no filial, o Celta interpretou o partido con madurez, atopando vantaxes por dentro e activando con criterio os carrís. A circulación foi fluída e as chegadas constantes, pero faltou precisión na finalización para traducir ese dominio en vantaxe.

O único tanto do partido chegou desde o punto de penalti tras unha acción provocada por Lamine Yamal, que el mesmo transformou. Ata ese momento, o conxunto azulgrana apenas inquietara a portería de Andrei Radu. O gol, unido a unha longa interrupción, arrefriou o ritmo dun primeiro tempo que o Celta levara ao seu terreo.

Tras o descanso, o Barcelona axustou a súa estrutura, ensanchou o campo e tratou de impoñer o seu control a través do balón. Pola súa banda, os de Claudio Giráldez mantiveron a súa esixencia, alternando fases de repregamento con saídas rápidas. Neste sentido, o equipo volveu atopar espazos e dispuxo dunha ocasión clara que esixiu unha intervención de mérito do gardameta rival.

Tras uns minutos de debilidade, os cambios reactivaron ao conxunto celeste que logrou dominar por momentos na segunda metade con varias chegadas a liña de fondo e capacidade para someter o rival. Nos minutos finais, o desgaste físico limitou a presión alta e o Barcelona optou por protexerse a través da posesión. Aínda así, o Celta non renunciou e tivo unha última opción a balón parado que non atopou portería.

Tras un gran partido, os celestes regresan a Vigo sen poder sumar ningún punto pero coas boas sensacións do traballo e do esforzo de todo o equipo. Agora, toca pensar na seguinte cita que volverá ser a domicilio, este domingo 26 de abril ás 21:00h., ante o Villarreal CF no estadio de La Cerámica.

FICHA TÉNICA:

1 – FC Barcelona: Joan García, Koundé, Cubarsí, Gerard Martín, Cancelo (Balde, min. 23), Gavi (Fermín, min. 46), Eric García, Pedri, Lamíne Yamal (Bardghji, min. 45+9), Olmo (Frenkie de Jong, min. 73) e Ferran Torres (Rashford, min. 73).

0 – Celta: Andrei Radu, Javi Rodríguez, Yoel Lago (Óscar Mingueza, min. 63), Marcos Alonso, Javi Rueda, Fer López (Iago Aspas, min. 81), Ilaix Moriba, Sergio Carreira, Pablo Durán (Borja Iglesias, min. 73), Ferran Jutglá (Hugo Sotelo, min. 81) e Hugo Álvarez (Williot Swedberg, min. 63).

Goles: 1-0: min. 40, Lamíne Yamal, de penalti.

Árbitro: José Luis Munuera. Por parte do Celta, amoestou con amarela a Yoel Lago. Do FC Barcelona, foi amoestado Eric García.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 33 de Laliga EA Sports disputado no Spotify Camp Nou ante 59.034 espectadores. O encontro viuse alterado durante 20 minutos pola indisposición dunha persoa na bancada que necesitou asistencia médica.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Siguiente noticia

Noticias recomendadas