
Ferran Jutglà conquistou o seu primeiro Xogador Estrella Galicia tras asinar un mes sobresaliente. O dianteiro foi elixido polos afeccionados celestes como o mellor futbolista do Celta en marzo, impoñéndose na fase final da votación a Javi Rueda e Carl Starfelt. Este recoñecemento non só premia o excelente rendemento do atacante catalán, senón que tamén resalta os valores de esforzo e inconformismo que comparten a icónica cervexa de Hijos de Rivera e a entidade celeste.
Co galardón xa nas súas mans, Jutglà amosouse feliz e quixo agradecer a confianza e o cariño da bancada, “estou moi contento de que a afección valore o meu esforzo e o meu compromiso co equipo”. Ademais, sobre a bonita conexión entre o vestiario e o celtismo, recoñece que “nunca vivira algo así na miña carreira”.
Este premio chega nun momento clave da tempada, co equipo inmerso na loita por repetir a clasificación europea. Neste sentido, Ferran destacou a ambición coa que afrontan cada partido: “imos deixalo todo por rematar a tempada o mellor posible”. Precisamente, a unión do vestiario é un dos principais piares do equipo, polo que subliña que “no día a día respírase moi bo ambiente, alegría, así que dá gusto estar nun vestiario como este”.
Con cinco xornadas de LaLiga aínda por diante, o atacante celeste envía unha mensaxe clara á afección: “oxalá sexa un final de tempada moi bonito e poidamos celebralo todos xuntos”. Para logralo, Ferran Jutglà pode presumir do seu talento, esforzo, traballo e ambición, aos que agora suma o seu primeiro MVP Estrella Galicia… e advirte que vai a por máis.
Parabéns, Ferran!