
O proxecto de As Celtas inicia unha nova etapa cunha reestruturación encamiñada a potenciar a canteira e aumentar a competitividade. David Ferreiro será o novo adestrador do primeiro equipo e Vicky Vázquez ocupará o banco do filial para liderar a formación das xogadoras celestes.
O técnico, que esta tempada dirixiu a As Celtas Sporting, asume agora o reto de dirixir o primeiro equipo, dando continuidade a un proxecto en plena liña ascendente coa canteira como eixe.
Ferreiro non é alleo ao traballo de As Celtas. Durante a pasada campaña, a primeira da historia, formou parte do corpo técnico como segundo adestrador, acompañando a Vicky Vázquez nunha tempada para o recordo na que o equipo logrou o ascenso á Segunda RFEF.
Na presente campaña, o vigués estivo á fronte de As Celtas Sporting, asinando unha gran tempada na que o equipo rematou líder da categoría. Un traballo colectivo que foi recoñecido o pasado domingo en Abanca Balaídos, onde o equipo e o corpo técnico recibiron, xunto ao Celta Xuvenil A e B, unha merecida homenaxe ante a afección.
Vicky Vázquez, á fronte de As Celtas Sporting
Con esta reestruturación, Vicky Vázquez estará á fronte de As Celtas Sporting, onde achegará os seus coñecementos e experiencia para seguir impulsando o crecemento da canteira, peza clave no presente e futuro do club, que busca dar continuidade a un modelo no que a formación e o talento da casa teñen un papel protagonista.
O club confía plenamente en ambos e deséxalles o maior dos éxitos nesta nova etapa.