16-9 2
Celtismo

O sábado é día de Xuntanza e celebración

RC Celta

A Festa de Fin de Tempada do Celta regresa o vindeiro sábado 23 coa súa terceira edición convertida xa nunha das citas máis especiais e esperadas para toda a afección celeste. Unha gran xuntanza nos arredores de Abanca Balaídos para despedir, todos xuntos, unha tempada inesquecible.

Música en directo, actividades para todas as idades, gastronomía, convivencia e fútbol darán forma a unha xornada pensada para celebrar o celtismo en comunidade. A programación arrincará ás 11:00 horas cos Tours Especiais por Abanca Balaídos, un percorrido único para revivir os mellores momentos desta campaña e ter a oportunidade de entrar no campo antes ca ninguén no último día do curso. E a partir das 12:30 horas, as inmediacións do estadio comezarán a encherse de ambiente, cun programa que se prolongará ata o inicio do partido.

A previa dará o pistoletazo de saída coa apertura da zona de restauración, onde 15 postos de comida xestionados por peñas celtistas ofrecerán algunhas das propostas máis tradicionais dunha auténtica comida galega: churrasco, polbo, choripáns…. Iso si, haberá que estar atentos a Chiño, que seguro aparecerá buscando algo que petiscar.

Os máis cativos tamén serán protagonistas desta gran festa, cun espazo para eles e elas. Durante toda a Xuntanza poderán gozar de actividades, como fútbol 3×3, chutómetro, billar fútbol, porteiro giratorio, soccer bowling, head jump challenge ou futbolíns, pensadas para todas as familias celtistas.

O gran momento musical da xornada chegará da man de Baiuca, unha das referencias máis importantes da música galega actual. A súa mestura de electrónica e sons tradicionais promete converter Balaídos nunha auténtica celebración colectiva e deixar un dos grandes recordos desta terceira edición.

A programación musical contará tamén coa presenza de Festicultores, un grupo xa vencellado ao espírito desta festa e á afección celeste. Co seu inconfundible chimpín, a súa retranca e esa maneira tan particular de entender a música, volverán poñer a saltar a todo o celtismo.

Outro dos nomes propios desta Xuntanza será Dirty Suc. Convertido nunha das voces emerxentes máis recoñecibles da escena urbana de Galicia, e tras conectar cun público cada vez máis amplo grazas a un son persoal no que convive o moderno e as referencias á cultura e ás raíces galegas, o artista non quixo faltar a unha cita tan especial.

Quen tamén terá un lugar destacado ao longo da xornada serán Os Varacuncas. O grupo de Lalín, moi ligado ao celtismo e presente xa en celebracións arredor da afección celeste, actuará por primeira vez de maneira oficial en Balaídos. Cunha proposta profundamente conectada coa tradición e coa cultura popular, a súa presenza nesta Festa de Fin de Tempada tamén quere ser unha mostra do compromiso do club con aqueles artistas que, dende sempre, levaron con orgullo o sentimento celeste por bandeira.

Tras a gran previa, ás 19:45 horas abriranse as portas do estadio para dar paso ao último encontró da tempada, previsto para as 21:00 horas ante o Sevilla FC. Un último baile entre equipo e afeción que non acabará co pitido final. O club quere convidar a todo o celtismo a permanecer nas súas localidades ao remate do partido para vivir un fin de festa moi especial dentro do templo celeste.

Esta gran Xuntanza será o broche perfecto dun ano cheo de orgullo. Unha despedida á altura dun curso inesquecible, desos que quedan gardados para sempre na memoria dunha afección que sente, sofre e celebra unida. Porque o Celta é moito máis ca fútbol, é pertenza, é identidade, é a emoción de compartir cada paso cos nosos. E hai momentos, como este, que só teñen verdadeiro sentido cando se viven xuntos.

Vémonos o sábado, celtistas.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Siguiente noticia

Noticias recomendadas