O Celta Fortuna continúa inmerso nun vórtice de emocións tras lograr o ascenso a Segunda División, un fito histórico que permitirá ao filial celeste competir por primeira vez no fútbol profesional. Despois da celebración vivida este sábado sobre o terreo de xogo, todos os xogadores, o corpo técnico e a directiva do club participaron en distintos actos oficiais para compartir con toda Galicia a alegría dun éxito que xa forma parte da historia do club.

Na tarde de onte, a expedición celeste foi recibida no Concello de Vigo polo alcalde, Abel Caballero, quen felicitou ao equipo por unha tempada extraordinaria culminada co ansiado ascenso. Tras a recepción oficial, a comitiva trasladouse á Porta do Sol, onde centos de afeccionados acompañaron ao Fortuna nunha celebración cargada de emoción e orgullo celeste. Unha festa á que se sumou tamén o Celta Integra Zelnova, recentemente chegado de Madrid e coas medallas aínda colgadas ao pescozo, como vixentes campións de Laliga Genuine Moeve 2025/26.

Os actos institucionais continuaron este luns cunha recepción na Praza do Obradoiro en Santiago, onde o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, trasladou a súa felicitación a todo o club e destacou o orgullo que supón para Galicia contar cun filial en Segunda División. Un recoñecemento ao traballo realizado polo Celta e un logro sen precedentes para o fútbol galego.

A xornada concluíu na Deputación de Pontevedra onde a expedición celeste foi recibida polo presidente provincial, Luis López, e a vicepresidenta, Luisa Sánchez, quen quixo sumarse ás felicitacións por unha tempada para o recordo e por un ascenso que reforza o crecemento deportivo e formativo do Celta.
