
Abanca Balaídos acollerá este domingo 30 de agosto, ás 21:30 horas, o encontro que enfrontará nesta terceira xornada de La Liga EA Sports o Celta contra o Athletic Club. Para todos os celtistas que acudades ao estadio para apoiar o equipo, aquí vos facilitamos información que pode ser do voso interese:
Apertura de portas
As portas do estadio abrirán ás 20:15 horas. Para evitar aglomeracións e atrasos na entrada, recoméndase a todos os asistentes acceder polo menos 30 minutos antes do encontro. A pasada tempada incorporamos o chip de proximidade nos carnés para facilitar a súa lectura, ademais do NFC dispoñible na App. Poderase acceder ata as 22:45 horas.
Documentos de acceso
Importante: actualiza o teu carné dixital
De cara a este primeiro partido da tempada, lembramos a todos os abonados que deben ter actualizado o seu carné dixital correspondente á tempada 2026/27.
É especialmente importante comprobar antes de acudir ao estadio que o carné que aparece no wallet ou carteira dixital sexa o desta tempada, coa imaxe de Iago Aspas, e non o correspondente á pasada.
Por iso, recomendamos a todos os abonados actualizar e descargar previamente o seu carné dixital da tempada 2026/27, así como comprobar que o NFC que aparece na aplicación corresponde ao abono actual.
Todos os asistentes deberán ter un documento de acceso para entrar no estadio, incluso os máis pequenos, independentemente da súa idade. Estes documentos poderán ser:
- Carné de abonado, en calquera das súas categorías. En caso de non dispoñer do abono físico, poderase acceder co carné dixital da tempada 2026/27, que xa pode descargarse desde o Portal do Celtista ou a App.
- Entrada do partido.
- Carné Miudiño.
Lémbrase que os carnés de abonado son intransferibles nas súas distintas categorías e, polo tanto, só poderán ser utilizados polo seu titular, agás o Carné Celtista abonado en categoría Adulto, que é transferible excepto na bancada de Marcador Baixo.
Poderase solicitar un documento acreditativo da persoa titular dun carné intransferible para poder acceder, denegando o acceso no caso de que non coincida co titular.
Atención de incidencias
O club pon á disposición de todos os espectadores un servizo de atención de incidencias con entradas ou carnés que estará habilitado nas billeteiras do estadio, desde a apertura de portas e ata o comezo do partido. Non obstante, lémbrase a todos os abonados que desde o Portal do Celtista ou desde a App poden descargar o abono dixital.
Non se farán duplicados de carnés a partir das 17:00 horas.
Apertura de billeteiras
As billeteiras estarán abertas desde as 10:00 horas e ata o comezo do encontro. Non obstante, para maior comodidade, recoméndase consultar a dispoñibilidade e mercar as entradas na web do Celta.
Apertura da tenda oficial do estadio
A tenda oficial do estadio abrirá este domingo de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 00:00 horas.
Mural de falecidos
Poderá visitarse nun horario especial de 19:30 a 20:00 horas, ofrecendo un espazo de lembranza e homenaxe a quen formaron parte da familia celeste.
Museo Celta
O Museo Celta abrirá as súas portas en horario de 10:00 a 21:00 horas, ofrecendo aos visitantes a oportunidade de coñecer a historia e o patrimonio do club a través das súas exposicións e contidos interactivos. Podes adquirir a túa entrada desde a páxina web ou na recepción da Área Celtista.
Servizo de consigna para carriños de bebé
Para que os celtistas máis pequenos poidan acompañar os seus papás, mamás, avós ou avoas a animar o seu equipo, o Celta pon á disposición dos afeccionados un servizo gratuíto de consigna para deixar os carriños de bebé mentres están no interior do estadio.
Este servizo estará habilitado na bancada de Tribuna, ao carón do local da Federación de Peñas, entre as portas 10 e 11 de Tribuna, desde a apertura das portas de Abanca Balaídos e ata 15 minutos despois da finalización do encontro.