
Hoxe, 1 de setembro de 2026, comeza unha nova tempada nas escolas de fútbol do Celta. O proxecto, que ata agora se desenvolvía baixo a marca Celta Academy, pasará a denominarse ESCOLAS CELTA360. O cambio de nome supón unha evolución da marca, pero mantense o compromiso do proxecto coa formación de novos futbolistas. ESCOLAS CELTA360 seguirá utilizando o fútbol como ferramenta para que nenos e nenas poidan gozar do deporte, mellorar as súas capacidades futbolísticas e achegarse ao Celta nas instalacións deportivas de A Madroa e outras sedes.
As inscricións para o novo curso xa están abertas e permanecerán dispoñibles durante toda a tempada mentres haxa prazas. A proposta está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos, con diferentes modalidades adaptadas ás necesidades de cada participante.
Mentres que A Canteira Experience, o novo programa internacional que tamén potenciou o club este ano, busca achegar a metodoloxía e o coñecemento do fútbol base celeste a xogadores e entidades doutros países, ESCOLAS CELTA360 centra a súa proposta no ámbito local e nacional, ofrecendo a nenos e nenas a posibilidade de formarse e gozar do fútbol baixo a metodoloxía do Celta sen saír do seu contorno.
Unha Escola para cada etapa
ESCOLAS CELTA360 contará con diferentes propostas para acompañar os novos futbolistas nas distintas etapas do seu desenvolvemento. A Escola de INICIACIÓN MIUDIÑOS, para os máis pequenos, será a porta de entrada ao fútbol e ao Celta, cunha metodoloxía baseada na diversión, a socialización e a aprendizaxe das habilidades futbolísticas máis básicas, fundamentais no inicio da súa formación.
A Escola de APRENDIZAXE CELTA360 permitirá avanzar no coñecemento do xogo e no desenvolvemento das capacidades técnicas, coordinativas e motrices, incorporando tamén a competición como parte do proceso formativo.
Para quen busca seguir dando pasos na súa evolución futbolística, a Escola de TECNIFICACIÓN CELTA360 ofrecerá un traballo máis específico sobre as habilidades técnicas, os conceptos tácticos, as diferentes posicións e o desenvolvemento psicomotriz, similar ao formulado polas categorías inferiores do Celta para conseguir que os novos futbolistas alcancen o talento axeitado para desenvolver un xogo vistoso.
A formación específica tamén terá o seu espazo. A Escola de PORTEIROS SERGIO ÁLVAREZ estará centrada nas particularidades desta posición, co obxectivo de mellorar tanto os aspectos técnicos como o xogo con balón, a comunicación e a concentración, co asesoramento continuo do noso gran porteiro Sergio Álvarez.
Pola súa banda, a Escola CONDICIONAL CELTA360 traballará as capacidades físicas fundamentais do futbolista (resistencia, forza, velocidade e flexibilidade), integrándoas coa técnica e a táctica do xogo.
A oferta complétase coa Escola de PERFECCIONAMENTO CELTA360, onde se realizará un traballo individualizado, xogador e adestrador, que permitirá unha mellora exclusiva daquelas capacidades máis demandadas polo xogador.
Todas as escolas teñen carácter mixto e permiten a participación de nenas e nenos en igualdade de condicións, pero tamén contamos con modalidades específicas femininas coas Escolas de TECNIFICACIÓN E APRENDIZAXE AS CELTAS CELTA360, pensadas para seguir impulsando o fútbol base feminino.
Formación con metodoloxía celeste
Un dos principais atractivos de ESCOLAS CELTA360 será a posibilidade de adestrar seguindo unha metodoloxía vinculada directamente con A Canteira e poder competir de forma federada cada fin de semana. Nas diferentes modalidades de escolas traballaranse contidos e tarefas aliñados cos utilizados polas categorías inferiores do club, adaptados sempre á idade e ao nivel de cada grupo.
Co nacemento de ESCOLAS CELTA360, o Celta dálle así unha nova identidade a un proxecto con experiencia e percorrido, mantendo a súa esencia e ampliando as posibilidades para que cada neno e nena poida atopar o seu espazo dentro do fútbol e seguir medrando co Celta.