
O Celta renova o seu acordo de colaboración coa ED Xuventude Oroso por cinco tempadas máis, unha sinatura que garante a súa alianza no fútbol base ata o ano 2031 e que consolida unha estreita relación que supera xa a década de traballo conxunto a prol do talento galego.
Os froitos desta vinculación son visibles desde hai anos na canteira do club, onde os futbolistas procedentes de Sigüeiro teñen un papel protagonista. Un exemplo é David Sueiro, quen abriu este camiño ao incorporarse ás categorías inferiores celestes procedente da escola de Oroso. Unha estela que hoxe seguen Darío Martínez e Mauro Ávila, dous xogadores que tamén visten a camiseta do Celta e desenvolven o seu potencial nas categorías de formación da entidade.
Ademais destes futbolistas, que xa forman parte dos equipos de maneira permanente, o vínculo mantense vivo no día a día a través doutras accións. Cada semana, futbolistas da ED Xuventude Oroso desprázanse para adestrar nas instalacións do Celta, unha rutina que enriquece a aprendizaxe dos mozos e facilita unha colaboración estreita entre os técnicos de ambas as entidades.
Para o Celta é un orgullo potenciar o talento da terra a través de alianzas a longo prazo con clubs amigos cos que comparte valores e unha mesma filosofía de traballo.