
Abanca Balaídos prepárase para vivir unha nova noite europea. Este xoves, 5 de novembro, ás 21:00 horas, o Celta recibe o Union Saint-Gilloise no encontro correspondente á cuarta xornada da fase liga da UEFA Europa League. Unha cita especial que, ademais do ambiente propio das grandes noites continentais, terá un sabor moi noso. O magosto chegará ao templo celeste cunha castañada tradicional nos exteriores do estadio, para gozar dunha das tradicións máis arraigadas deste mes de novembro. Por iso, recomendamos a todos os afeccionados adiantar a súa chegada ao templo celeste e sumarse á previa.
Máis alá disto, e para que o celtismo poida gozar ao máximo do encontro, facilitamos a continuación máis información de interese:
Apertura de portas:
As portas do estadio abrirán ás 19:45 horas. Para evitar aglomeracións e atrasos na entrada, recoméndase a todos os asistentes acceder polo menos 40 minutos antes do encontro. A pasada tempada incorporamos o chip de proximidade nos carnés para facilitar a súa lectura, ademais do NFC do teu carné dixital, dispoñible na App. Poderase acceder ata as 22:30 horas.
Documentos de acceso:
Todos os asistentes deberán dispor dun documento de acceso para entrar no estadio, mesmo os máis pequenos, independentemente da súa idade. Estes documentos poderán ser:
- Carné de abonado de calquera categoría. No caso de non ter o abono físico, poderase acceder co carné dixital, que xa se pode descargar no Portal do Celtista.
- Entrada do partido.
- Carné Miudiño.
Lémbrase que os carnés de abonado son intransferibles nas súas distintas categorías e, polo tanto, só poderán ser utilizados polo seu titular, agás o Carné Celtista Abonado de categoría Adulto, que é transferible, excepto na bancada de Marcador Baixo.
Poderase solicitar un documento acreditativo da identidade da persoa titular do carné intransferible para permitir o acceso. No caso de que non coincida co titular, denegarase a entrada.
Atención de incidencias:
O club pon á disposición de todos os espectadores un servizo de atención de incidencias relacionadas coas entradas ou cos carnés, que estará habilitado nas billeteiras do estadio desde a apertura de portas ata o comezo do partido. Non obstante, lémbrase a todos os abonados que poden descargar o abono dixital ou actualizalo desde o Portal do Celtista ou a App.
Non se realizarán duplicados de carnés a partir das 17:00 horas.
Apertura de billeteiras:
As billeteiras estarán abertas desde as 10:00 horas ata o comezo do encontro. Non obstante, para maior comodidade, recoméndase consultar a dispoñibilidade e mercar as entradas na web do Celta.
Apertura da tenda oficial do estadio:
A tenda oficial do estadio abrirá este xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 23:30 horas.
Museo Celta:
O Museo Celta abrirá as súas portas en horario ininterrompido, de 10:00 a 20:30 horas, ofrecendo aos visitantes a oportunidade de coñecer a historia e o patrimonio do club a través das súas exposicións e contidos interactivos. Podes adquirir a túa entrada na páxina web ou na recepción da Área Celtista.
Servizo de consigna para carriños de bebé:
Para que os celtistas máis pequenos poidan acompañar os seus pais, nais, avós ou avoas a animar o seu equipo, o Celta pon á disposición dos afeccionados un servizo gratuíto de consigna para deixar os carriños de bebé mentres están no interior do estadio.
Este servizo estará habilitado na bancada de Tribuna, xunto ao local da Federación de Peñas, entre as portas 10 e 11 de Tribuna, desde a apertura das portas de Abanca Balaídos ata 15 minutos despois da finalización do encontro.