familia
Celtismo

O Celta rende homenaxe a 50 anos de sentimento celeste

RC Celta

O Celta celebrou este martes no Salón Regio de A Sede o seu tradicional acto de entrega das Insignias de Oro aos seis socios que este ano cumpriron 50 anos de antigüidade como abonados do club: Cándido, Miguel, Juan, Manuel, Isauro e Ramón. Unha cita moi especial para recoñecer medio século de fidelidade, pero tamén para agradecer unha vida de recordos, emocións e sentimento celeste.

A cerimonia estivo presidida por Marián Mouriño, presidenta do Celta; e contou coa presenza dos capitáns do primeiro equipo, Iago Aspas, Iván Villar, Carl Starfelt, Borja Iglesias e Marcos Alonso; e das xogadoras de As Celtas, Lara Martínez e Sara Debén. Tamén asistiron os conselleiros Sergio Álvarez, Miguel Álvarez e José Manuel Amoedo, así como lendas celestes como Vlado Gudelj, Manolo “O Gran Capitán”, Javier Maté e Atilano Vecino, que quixeron acompañar aos homenaxeados nun día tan significativo.

Durante a súa intervención, Marián Mouriño quixo agradecer aos socios o seu compromiso durante estas cinco décadas e poñer en valor o lugar que ocupa o Celta nas súas vidas. “Cando falades do que significa o Celta na vosa vida, todos coincidides en algo que emociona escoitar: despois da vosa familia, o Celta é o máis importante“, sinalou a presidenta.

“Esta insignia é unha pequena forma de devolvervos todo ese cariño e esa fidelidade. Porque xuntos seguiremos construíndo ese Celta do que sentirnos orgullosos os próximos 100 anos“, concluíu.

Tras a entrega das insignias, os homenaxeados e os seus acompañantes compartiron unha cea cóctel nun ambiente próximo, no que houbo tempo para lembrar partidos, moitas viaxes e moitas alegrías. Tantas anécdotas que forman parte dunha mesma vida xunto ao Celta, A Nosa Historia.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo O Club

Noticias recomendadas