Gran partido, pleno de fe e esforzo dos celestes. Nolito marcou de penalti nos minutos finais
O Celta truncou a xeira triunfal do Sevilla (seis vitorias consecutivas) cun partido serio e pleno de fe e esforzo ante un rival que defendeu con once no seu campo e saíu á contra con gran perigo. O traveseiro evitou no tramo final un tanto de Orellana, pero Javi Varas non pido deter un lanzamidnto de Nolito desde o punto de penalti nos minutos finais. Gran vitoria.
O Celta comezou empuxando con decisión e meteu ao Sevilla no seu campo desde o inicio. A poboada zaga visitante, ordenada e contundente, obrigou aos celestes a probar desde fóra nos minutos iniciais. Fixérono sen fortuna Krohn-Dehli e Rafinha.
O dominio do Celta era absoluto nun primeiro cuarto de hora xogado de maneira íntegra en campo do Sevilla, equipo que apenas podía combinar ante a firme e eficaz presión local.
Con media hora cumprida, o Sevilla comezou a alargar as súas posesións e a disputarlle así o dominio do coiro a un Celta ao que lle custaba xerar ocasións ante a fortaleza defensiva do conxunto andaluz. Os visitantes, aos 34 minutos atoparon a contra que buscaban, pero Gameiro tamén se topou cun gran Yoel, quen lle sacou o remate de socato.
Javi Varas atrapou ben un cabezazo de Nolito pouco despois tras un roubo de Krohn-Dehli e centro de Augusto. Até o descanso, o Celta retomou o control, peo non foi capaz de rendibilizar o seu dominio.
Tras a continuación, Javi Varas atrapou un disparo de Rafinha tras un gran pase de Kronh-Dehli. Pouco despois, Orellana substituíu a un dolorido Álex López. O porteiro visitante volveu atrapar con seguridade un lanzamento de Rafinha desde a frontal tras unha boa xogada entre Augusto e Nolito.
O Sevilla seguía defendendo co once no seu campo e lanzando contragolpes con enorme perigo, unha fórmula que ultimamente lles está dando uns grandes resultados.
O Celta pido marcar aos 19 minutos tras unha gran xogada con centro de Jonny e remate ao traveseiro de Orellana. O rexeite rebotó en Nolito case en liña de gol, pero o coiro saíu fóra. Gran infortunio para os vigueses.
Moita tensión até os minutos finais, con chegadas de ambos os equipos, aínda que sen grandes ocasións… ata que chegou unha man de Fazio na área. Penalti que lanzou Nolito e anotou para adiantar aos celestes de maneira merecida. Gran vitoria: o Celta reconquistou Balaídos.
FICHA TÉCNICA
1-R.C.Celta: Yoel, Hugo Mallo, Íñigo López, Fontás, Jonny, Krohn-Dehli, Augusto, Álex López (Orellana, min.49), Nolito, Rafinha (Aurtenetxe, min.79) e Charles (Mario Bermejo, min.73)
0-Sevilla F.C.: Javi Varas, Coke, Fazio, Nico Pareja, F.Navarro, Rakitic, Iborra, Trochowski (Jairo, min.74) Vitolo (Reyes, min.74), Bacca e Gameiro (Alberto Moreno, min.83)
Goles: 1-0, min.86: Nolito, de penalti
Árbitro: Martínez Munuera, do comité valencián. Amonestou a Fontás, Gameiro, Fazio, Iborra
Campo: Balaídos, 19.366 espectadores
Foto: Diego Pérez