Javier Romero, JRA10, xogador de eSports do RC Celta e do club Falcons, selou de maneira brillante o seu pase á fase final do Mundial de FIFA 22 que se está disputando en Copenhague e situouse entre os 16 mellores do mundo, sendo o primeiro xogador español en conseguilo. Alcanzou este histórico fito tras superar a fase de grupos en cuarta posición con cinco vitorias, dous empates e sete derrotas.
A FIFAe World Cup 2022 é o equivalente ao mundial de fútbol. Trátase do principal torneo oficial do popular videoxogo FIFA de EA Sports e ten unha dotación en premios de 500.000 dólares. JRA10 percorreu un longo camiño esta tempada ata chegar a esta fase final. O pasado mes de maio logrou o subcampeonato en eLaLiga na fase final celebrada en Madrid tras caer nunha épica final que se decidiu nos penaltis. Este subcampeonato permitiu ao xogador de eSports do RC Celta competir nas FIFA Global Series, disputadas hai dúas semanas en Londres. Foi na capital inglesa onde obtivo o billete definitivo para a final de Copenague.
Unha vez superada a fase de grupos, o Mundial decidiuse este sábado e domingo na rolda de eliminatorias. JRA10 competiu no primeiro cruzamento de oitavos ante Bachoore (Países Baixos) ás 14:20 do sábado, un duelo no que o xogador celeste caeu derrotado por 5-2 nunha eliminatoria ao mellor de dous partidos (3-2, 2-0).
JRA10 pecha coa participación neste torneo a súa segunda tempada como integrante da sección de eSports do RC Celta. O xogador madrileño estivo acompañado en Copenhague polo staff de Falcons, o seu club de eSports, liderado polo seu adestrador e manager Javier Villoria.