O Celta deu continuidade ás boas sensacións amosadas nos últimos encontros e asinou unha vitoria sólida ante o Grasshopper (0-3). No seu quinto amigable do verán, os de Claudio Giráldez saíron enchufados dende o inicio e marcharon de Suíza cun triunfo merecido grazas aos goles de Ilaix Moriba, Jones El-Abdellaoui e Pablo Durán.
O partido comezou cun Celta decidido, con ideas claras e unha proposta ofensiva ben definida. Ese estilo recoñecible dos celestes quedou pronto reflectido no marcador. No minuto 8, Hugo Álvarez atopou espazo pola esquerda e, tras unha gran acción individual, asistiu a Ilaix Moriba, que definiu con acerto para asinar o 0-1. Apenas catro minutos despois, os celestes repetiron fórmula: transición ofensiva rápida e definición precisa, desta volta a través das botas de Jones El-Abdellaoui, que marcou o seu segundo gol nesta pretempada. Co 0-2, o Celta mantivo o control do xogo, sen deixar opcións claras ao conxunto suízo antes do descanso. A única nota negativa desta boa primeira metade foi a retirada de Javi Rodríguez, que sufriu un forte golpe na cara e presenta un posible traumatismo nasal con fractura dos ósos propios, á espera das probas médicas que confirmen o alcance da lesión.
Tras o paso polos vestiarios, o Celta mantivo a mesma tónica, baseada nunha presión alta e moita presenza en campo rival. Froito dese dominio chegou o terceiro tanto no minuto 54, obra de Pablo Durán, que definiu con calidade no man a man co porteiro tras atopar espazo ás costas da defensa. A partir de aí, os celestes seguiron buscando o cuarto con insistencia. Hugo González estivo moi activo pola banda, xerando perigo con desmarques cara ao interior e obrigando ao gardameta local a intervir cunha gran parada no 77. Tamén o intentaron Iago Aspas, de novo Pablo Durán, e por último Óscar Mingueza, que tivo a última ocasión do encontro. Todos sen éxito, pero mantendo un nivel alto ata o asubío final, asinando así un partido moi completo no que se viu a un Celta sólido, vertical e claramente superior.
Con esta vitoria, os celestes pechan o seu stage da pretempada 25/26. Agora, o equipo regresa a España reforzado en confianza e boas sensacións, coa mente posta no seu próximo compromiso. Un novo e esixente test ante o Vitória SC, que servirá para seguir afinando detalles antes do inicio oficial da tempada.