
O Celta volverá percorrer Europa e Europa volverá escoitar o latexo de Vigo por segunda tempada consecutiva. E iso, en case 103 anos de historia, só sucedera unha vez. Non é casualidade. É froito de moito traballo, de identidade, de valentía. De seguir empuxando unha porta. De saber que algún día caerá.
Porque este equipo aprendeu a competir mirando de fronte, a levantarse nos momentos difíciles e a entender que o verdadeiro crecemento non está só en alcanzar un obxectivo, senón en ser capaz de sostelo no tempo. E o Celta fíxoo da man dos seus, dunha afección que converteu cada partido nunha declaración de intencións, cada desprazamento nunha demostración de orgullo e cada noite en Abanca Balaídos nunha razón para crer.
O conxunto de Claudio Giráldez céntrase agora en preparar do mellor xeito a última xornada de Laliga EA Sports ante o Sevilla CF, que se disputará o vindeiro sábado ás 21.00 horas en Abanca Balaídos, na que se definirá cal será a competición europea na que o escudo celeste seguirá brillando con forza.
UEFA Europa League ou Conference League será o destino onde o Celta competirá a próxima campaña co talento Feito na Madroa por bandeira, con xogadores que fixeron seus os valores celestes e cun celtismo entregado que seguirán marcando o camiño.
Agora o soño continúa e xuntos seguiremos facendo historia.
Grazas, afección!