Madinda, Rubén Martínez, Félix e Añón foron os goleadores (4-0)
Superioridade céltica desde o asubío inicial. Os vigueses movían o coiro con paciencia e bo criterio, incidindo no xogo por ambas as bandas. No minuto 3 primeiro aviso por parte do filial celeste, cunha boa internada de Maceira desde o flanco esquerdo. O lateral cedeu o balón a Camochu e este púxollo en bandexa a Añón, que disparou con contundencia. Un defensor rival desviou a traxectoria do esférico e evitou o tanto local.
Añón mostrábase moi activo por banda dereita. No minuto 15 recibiu só o balón e avanzou directo cara á portaría, pero un control demasiado longo permitiu que o porteiro do Órdenes chegase a tempo para despexar o balón.
A pesar de que o Celta B apostaba polo xogo de toque, o primeiro gol dos celestes chegou grazas a un potente disparo desde fóra da área de Levy Madinda. No minuto 17 o gabonés executou un tremendo zapatazo que se coou por toda a escuadra. Os de Pichi Lucas púñanse por diante no marcador e mantiñan o absoluto control do partido.
O Celta B mantivo a súa filosofía de xogo tras o primeiro tanto, coa clara intención de aumentar a súa vantaxe. No minuto 25 un balón rexeitado recolleuno Rubén Martínez dentro da área. O futbolista céltico disparou a porta e, tras impactar no porteiro, o balón coouse na portaría. Segundo gol para os vigueses, que conseguían imporse ao Órdenes con bastante comodidade. Aos visitantes custáballes facerse co balón e achegarse á área viguesa. Un disparo de Nacho a poucos minutos do descanso, despexado por Óscar de Santiago, foi a única ocasión de perigo por parte do Órdenes.
Tras a continuación a superioridade olívica fíxose se cabe máis patente. Nada máis comezar o segundo tempo, no 49, un rexeite defectuoso da zaga do Órdenes recolleuno Félix dentro da área. O futbolista celeste disparou a porta sen oposición para pór un contundente 3-0 no marcador.
Tras o terceiro tanto o Celta B seguiu xerando perigo, aínda que con puntuais ocasións claras de gol. O Órdenes parecía renunciar ao partido e procuraba manterse ben situado para evitar a goleada. Os de Pichi Lucas puideron cultivar máis goles, pero Mario, porteiro do Órdenes , estivo bastante acertado. A poucos minutos para o final o conxunto rival reaccionou con varios disparos desde fóra da área, enviando o balón ao traveseiro até tres veces. O partido chegou ao seu termo coa consecución do cuarto gol para o Celta B. No último minuto David Añón recuperou o balón e disparou a vinte metros da portaría. A pelota coouse por abaixo, pegada ao poste esquerdo, para sorpresa do porteiro. Non podía faltar o gol do ‘pichichi’ do equipo.
FICHA TÉCNICA
4-CELTA B: Óscar Santiago, Jonny, Víctor Vázquez, Maestre, Maceira, Borja, Levy Madinda, David Añón, Félix, Rubén Martínez (Jordan, min.45) e Camochu (Benja, min.65).
0-ÓRDENES SD: Mario, Rubén, Antonio, Baleato (Jesús Torres, min.45), Nacho, Álex Castro, Álvaro, Marcos (Padín, min.65), Cea (Anxo, min.56), Cabrejo e Capelo.
Goles: Madinda, min.17 (1-0); Rubén Martínez, min.25 (2-0); Félix, min.49 (3-0), Añón, min.90 (4-0)
Árbitro: Formoso Sánchez. Amoestou a Jesús Torres e Maestre.
Campo: Municipal de Barreiro