Hemeroteca canteira

Dura derrota do Celta B en Barreiro ante o Sporting B

RC Celta

celtab-sportingb-1415-2.jpg

O rival aproveitou os erros locais e a expulsión de Goldar aos 20 minutos da segunda metade (0-3)

 

O Celta B sufriu unha severa derrota en Barreiro ante un Sporting B que soubo aproveitar as concesións locais e á inferioridade numérica dos célticos, coa expulsión de Goldar aos 20 minutos da segunda metade. Non foi o día dun filial no que debutou Youssef.

 

Inicio igualado, con imprecisións, prudencia e respecto, sen apenas chegadas. A primeira, ao cinco minutos. Jordan rompeu polo centro desfacéndose de rivais e lanzou, case caéndose, ás mans de Dennis.

 

Tras esta fase, o filial foi impóndose, acaparando a posesión e axustando as súas chegadas, aínda escasas no primeiros vinte minutos de xogo. Aos 26, Samu tivo que deixar o campo por unha dura entrada ocorrida uns minutos antes na liña de fondo do Sporting. Foi substituído por Casas.

 

Pouco pasaba no partido. O Celta B dominaba, pero sen xerar ocasións, o rival esperaba cunha prudencia enorme, sen correr o máis mínimo risco e sen achegarse apenas á área de Iván Villar, substituto do lesionado Óscar Santiago. Pero aos 29 minutos, erro na saída de balón aproveitado por Mendi para anotar ante o porteiro celeste. Practicamente única chegada, e sen querer.

 

O conxunto celeste non encaixou ben o mazazo e entrou nunha fase depresiva infestada de erros na entrega. O rival, moi conservador, nin tentou apenas aproveitar a circunstancia polo que o partido caeu nunha fase de descontrol. Finalmente, de novo nun erro de colocación e entrega na zaga celeste, chegoulle a oportunidade. Bustos recibiu só na frontal, encarou a Iván e marcou con facilidade. Mala Primeira metade do Celta B, cun duro castigo ante un rival que se limitou, simplemente, a aproveitar os erros locais.

 

Tras a continuación, no primeiro minuto, quedou claro que non era o día do filial. Erro na zaga visitante e remate de Borja Igrexas, algo escorado, á madeira. Xogada que puido darlle unha nova dimensión ao partido. O filial, a pesar dun infortunio que parecía premonitorio, seguiu empuxando con fe en busca dunha remontada extremadamente complicada.

 

No dez primeiros minutos, dominio absoluto e varios remates sen acerto dun Celta B que empuxaba con decisión, pero sen acerto. Con 15 minutos cumpridos, intensidade e ambición, varias ocasións, pero a notable desvantaxe seguía inamovible. Ademais, os espazos atrás eran cada vez maiores, con grandes posibilidades para a contra do conxunto rival. Aínda por riba de males, aos 20 minutos, Goldar, cun criterio arbitral desconcertante, viu a segunda amarela e deixou ao Celta B en inferioridade. Misión imposible.

 

Máis aínda cando aos 24 minutos Mendi rematou á rede sen oposición un centro desde a esquerda de Bustos. Dura derrota para os celestes e debut, xa no tramo final, de Youssef.

 

FICHA TÉCNICA

 

0-Celta B: Iván, Soto, Goldar, De Amo, Samu (Casas, min.26), Borja Fernández, Jordan, Omar (Javi Que, min.46), Pucheta, Luis Rioja (Youssef, min.73) e Borja Iglesias

 

3-Sporting B: Dennis, Benito, Alberto, Meré, Viesca, Acama, Tato, Bustos, Mera, Guille (Jaime, min.57) e Mendi (Álex García, min.75)

 

Goles: 0-1, min.29: Mendi; 0-2, min.41; Bustos; 0-3, min.69: Mendi

 

Árbitro: Juan Bustos, do comité castelán leonés. Expulsou a Goldar con dobre amarela (min.65) e amonestou a Pucheta, Borja Fernández, Tato, Meré

 

Campo: Barreiro, uns 800 espectadores  

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas