16-9
Celtismo

O celtismo volverá unirse ao redor do fútbol, a música, a gastronomía e a identidade nunha nova edición da Xuntanza

RC Celta

Este sábado, o Celta organizase a tradicional Xuntanza nos arredores de Abanca Balaídos nunha xornada pensada para o celtismo, para compartir, celebrar e desfrutar xuntos antes de recibir ao Racing de Santander.

A partir das 12.00 horas, os arredores do estadio comezarán a encherse de ambiente con música en directo, gastronomía e actividades para todas as idades. A zona de restauración contará con máis de 10 postos xestionados por peñas celtistas, que ofrecerán propostas tradicionais como churrasco, callos, polbo, empanada ou choripanes.

Os máis pequenos tamén terán o seu espazo con actividades como fútbol 3×3, chutómetro, billar fútbol, porteiro xiratorio ou futbolíns, entre outros. Tampouco podía faltar a esta cita Chiño, que despregará todas as súas habilidades nas diferentes actividades. Ademais, os celtistas poderán achegarse pola tenda oficial do estadio en horario especial de 11 a 22h. Unha programación pensada para que toda a familia poida desfrutar da xornada e para que celtistas de todas as idades teñan o seu lugar nesta Xuntanza.

A música en directo será outra dos grandes protagonistas. Polo escenario pasarán Lamatumbá, referente da música galega e das propostas festivas que combinan tradición e sons actuais; Dirty Suc, coa súa proposta de música urbana; Keltoi!, vinculados á nosa identidade e cultura galega; e Varacuncas, que completarán unha programación que conta con todo luxo de detalles.

Unha xornada para celebrar o que nos une e coller forzas antes do comezo do partido. E cando chegue a hora de deixar a festa atrás, ás 18:30h, esa enerxía pasará a ocupar as bancadas do estadio e xuntos deixarémonos a alma animando ao equipo ante o Racing de Santander, en busca da primeira vitoria da tempada na competición doméstica.

Este sábado vémonos para celebrar e loitar xuntos!
Sempre Celta!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas