É sen dúbida a noticia do día no RC Celta. Tras case dez meses de baixa por lesión, Claudio Beauvue recibiu esta mañá a alta médica. O atacante xa se adestra con total normalidade co resto do grupo e desde agora volve estar a enteira disposición de Eduardo Berizzo.
Beauvue sufriu unha rotura completa do tendón de Aquiles da perna dereita o pasado mes de Abril durante o partido de Liga ante o Betis en Balaídos. O xogador foi intervido inmediatamente e iniciou un duro traballo de recuperación que por fin chega ao seu fin, agora que a ecografía confirma a correcta cicatrización do tendón. É de destacar a incrible actitude de Beauvue durante o seu tempo de baixa, sempre positivo e disposto a esforzarse ao máximo para regresar canto antes ao equipo.
Ademais, Rubén Blanco tamén abandona a enfermaría, co que o adestrador do primeiro equipo volve contar con todos os seus porteiros.