
Celtismo, volven as noites europeas! Acompaña o Celta por Europa e pre-reserva xa a túa entrada para o primeiro partido dos celestes nesta Europa League. A cita será o vindeiro mércores, 16 de setembro ás 18:45 h, ante o Omonia FC no GSP Stadium.
A continuación, explicamos polo miúdo como realizar o proceso e cales son os pasos que debes seguir desde o Portal do Celtista:
Pre-reserva e adxudicación
Para optar a unha entrada na bancada visitante (35 euros), é necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista de maneira individual ou en grupo (dun máximo de 6 celtistas) e realizar un pagamento de pre-reserva (5 euros), co obxectivo de que as peticións sexan en firme. Este importe será devolto no caso de non resultar seleccionado/a.
Este pagamento non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:
- 75 % das entradas adxudícanse segundo a antigüidade: nos grupos tense en conta a media de antigüidade e nas solicitudes individuais, a antigüidade de cada solicitante.
- 25 % das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre os solicitantes restantes.
Unha vez finalizado o proceso de adxudicación, todas as persoas inscritas recibirán un correo electrónico informando sobre o resultado da súa solicitude.
Pagamento final para as persoas seleccionadas
Os celtistas que resulten seleccionados recibirán un correo de confirmación coas instrucións para completar a compra, aboando a diferenza respecto da pre-reserva realizada.
Para formalizar a compra, deberán seguir estes pasos:
- Acceder ao Portal do Celtista e dirixirse ao apartado «Entradas Visitante».
- Completar o pagamento nun prazo máximo de 48 horas desde a recepción do correo.
- Recibirán a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.
⚠ Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito á compra da entrada e o importe da pre-reserva non será reembolsado.
Devolución para as persoas non seleccionadas
As persoas afeccionadas que non resulten seleccionadas recibirán un correo coa notificación e, de forma automática, o club procederá ao reembolso íntegro do importe da pre-reserva mediante o mesmo método de pagamento utilizado durante a inscrición.
Confirmación e entrega das entradas
As persoas que completen o proceso de compra recibirán un correo de confirmación. É importante lembrar que o comprobante de pagamento non é válido como entrada.
Neste caso, as entradas serán entregadas en formato dixital. En caso de producirse calquera cambio, o club poñerase en contacto a través do correo electrónico. Unha vez realizada a compra, non se permiten cambios nin devolucións.
A preinscrición para as entradas está dispoñible no Portal do Celtista desde hoxe mesmo ata o luns 7 de setembro ás 10:00 h. Lembramos que estas son nominativas e será necesario presentar o DNI xunto coa entrada no acceso ao estadio.
Xuntos imos representar con orgullo o que significa ser do Celta por toda Europa. Vémonos en Chipre, afección!