cidade deportiva afouteza logotipo
O Club

O celtismo elixe un nome para a historia: Cidade Deportiva Afouteza

RC Celta


A afección do RC Celta envorcouse na elección do nome da nova cidade deportiva celeste, cuxa terceira fase concluíu cun índice de participación espectacular.

O celtismo respondeu de xeito masivo á proposta do club de darlle voz nunha decisión que queda para a historia. E xa hai unha proposta ganadora, cunha ampla maioría: Cidade Deportiva Afouteza será o nome que luza nas novas instalacións celestes, cuxas obras xa remataron.

O RC Celta quere agradecerlle á afección a súa ampla participación en todas e cada unha das fases propostas polo club no proceso de elección, na que participaron máis de 15.000 seguidores.

O club sorteará nos próximos días tres camisetas entre os participantes nas tres fases e unha experiencia única na Cidade Deportiva Afouteza entre os afeccionados que propuxeron este nome na primeira fase da elección.

Inauguración este sábado

A cidade deportiva será inaugurada de xeito oficial este sábado cun sinxelo acto no que primarán as condicións de seguridade e seguiranse co máximo rigor as directrices das autoridades sanitarias.

O acto, ao que acudirán un reducido número de persoas, terá lugar ao aire libre nun dos campos de adestramento a partir das 12:00 horas. A continuación, ás 13 horas, disputarase un partido de liga entre os equipos xuvenís de División de Honor do RC Celta e Deportivo da Coruña.

O primeiro equipo realizará o traslado desde A Madroa á nova cidade deportiva este xoves, día no que realizará o seu primeiro adestramento nas novas instalacións celestes.

 

RC Celta

Etiquetas

Celtismo O Club

Noticias recomendadas