
Este venres, 24 de abril ás 18.00 horas, o Celta organiza un tour moi especial que permitirá ao celtismo mergullarse na historia celeste da man de tres auténticas lendas.
Coincidindo co 90 aniversario dun fito inesquecible como o foi o primeiro ascenso do club á máxima categoría do fútbol español, alcanzado o 19 de abril de 1936, esta experiencia única ofrecerá unha viaxe emocional polos momentos máis memorables da nosa historia.
Os protagonistas desta xornada serán tres nomes que forman parte do ADN celeste: Manolo Rodríguez “O Gran Capitán“, Atilano Vecino e Sergio Álvarez. Con centos de partidos defendendo o escudo celeste, compartirán en primeira persoa as súas vivencias que marcaron a diferentes xeracións.
Desde o lembrado ascenso da tempada 68/69, punto de partida para a primeira clasificación europea, pasando polos dous ascensos consecutivos con Pavic, o icónico logro en Sestao, o dobre ascenso da campaña 2004/05 ou o decisivo da tempada 2011/12. Este tour permitirá a todos os asistentes descubrir espazos emblemáticos de Abanca Balaídos, acceder ao Museo Celta e, como broche final, gozar dunha charla-coloquio exclusiva cos protagonistas que fará revivir os grandes fitos da nosa historia.
Esta experiencia inclúe:
· Visita guiada polo estadio
· Acceso ao Museo Celta
· Presenza e coloquio con Manolo, Atilano e Sergio Álvarez
· Experiencia inmersiva
· Detalle conmemorativo
O club anima a toda a familia celeste a non deixar pasar esta oportunidade única de sentir, lembrar e compartir a nosa historia con quen a fixo posible. As prazas son limitadas así que non te quedes sen a túa e fai CLICK AQUÍ!