
Xa podes conseguir a túa entrada para volver gozar do Celta en Abanca Balaídos. Os de Claudio Giráldez recibirán o UD Levante na Xornada 12 de LaLiga EA Sports, nun encontro cuxa data e horario están aínda pendentes de confirmación e que se disputará arredor da fin de semana do 8 de novembro.
Desde hoxe ás 12:00h., os posuidores do Carné Celtista xa poden facerse coa súa localidade desde 20 euros. Unha vez transcorridas as primeiras 24 horas, as entradas estarán dispoñibles para o público xeral desde 25 euros.
E porque vir ao templo celeste é moito máis que ver un partido, tamén poderás gozar dalgunhas das experiencias que fan que cada visita ao campo sexa única: cantar Oliveira dos Cen Anos con toda a bancada, vivir o quecemento desde o céspede, descubrir os recunchos e segredos do estadio, ser un dos abandeirados do encontro ou lanzar penaltis despois do asubío final como un dos teus ídolos. Consulta AQUÍ todas as experiencias dispoñibles e escolle como queres vivir a túa próxima visita a Abanca Balaídos.
Agardámoste, celtista!