Hemeroteca canteira

O Celta sela a continuidade do xogadores do filial Álvaro Casas e Berto Castiñeira

RC Celta

berto-casas-ok-1415.jpg

Ambos canteiráns asinaron os seus primeiros contratos profesionais có club

 

O Real Club Celta continúa traballando sen desmaio no desenvolvemento e fortalecemento da canteira. Nunha semana de intensa actividade, con varias operacións pechadas para garantir o presente e o futuro da entidade, hoxe pecháronse dous novos contratos con futbolistas que creceron na Madroa. Álvaro Casas e Alberto Castiñeira, Berto, ambos no Celta B, asinaron os seus primeiros contratos profesionais co club.

 

Álvaro Casas Racaño (Santiago de Compostela, 26 de abril de 1994) é un polivalente xogador, que pode actuar nas posicións de medio centro ou central, que chegou ao club no ano 2009. O céltico, que asinou por dúas tempadas con outro tres opcionais, completou na Madroa un ano de cadetes e tres de xuvenil, mentres que a tempada pasada xogou cedido no Alondras C.F., onde disputou un total de 34 partidos: “Foi un ano que me permitiu medrar como xogador e ser aínda máis consciente do afortunado que son por poder estar aquí”, asegura Casas.

 

O futbolista celeste, “moi contento por poder seguir no Celta”, afronta a súa primeira campaña no filial “con moita ilusión” e disposto a “aportar traballo, loita en cada adestramento e competitividade”. Casas está convencido de que “con traballo e paciencia” pode alcanzarse o primeiro equipo, tal e como fixeron algúns dos seus compañeiros: “Xoguei con Jonny, con Rubén, con Santi Mina… canteiráns que chegaron ao primeiro equipo”.

 

O dianteiro Alberto Castiñeira Álvarez (Tomiño, 5 de maio de 1995) chegou ao club na tempada 2004/2005 e o ano pasado acabou a súa etapa de xuvenil con 18 goles no seu haber. Berto, quen xoga tanto por dentro como en banda, asinou por tres tempadas con outras dous opcionais.

 

“Levo dez anos no Celta e este é un paso moi ilusionante. Sempre fun celtista. Oxalá poida seguir aquí moito máis tempo”, asegura Berto. O mozo atacante sinala o “traballo e sacrificio” como as claves para alcanzar o primeiro equipo, unha meta posible “grazas á aposta do club pola canteira”. Berto, admirador confeso de Iago Aspas “polo seu carácter e o seu xogo”, espera que no seu primeiro ano como futbolista do Celta B poida axudar a alcanzar os obxectivos “traballando e adestrando forte”.

 

Ambos xogadores tiveron un gran protagonismo na consecución do subcampeonato da Copa de Campións Xuvenil disputada na tempada 2012/2013.

RC Celta

Etiquetas

Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira Hemeroteca canteira

Noticias recomendadas